Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

A Cañiza
Comentarios do Pobo da Cañiza

19/01/2008 GMT 1

Adega e os veciños de Parada e Valeixe volven a denunciar a contaminación do río Deva

gasofas @ 10:59

A asociación ecoloxista Adega denunciou a semana pasada o estado de contaminación do río Deva, feito que ademais levan denunciando os veciños de Parada e Valeixe dende hai anos “e feito que propuxemos a debate reiteradamente nos plenos ordinarios do concello”, afirma Saba González Lorenzo, voceira da comisión executiva municipal.

No mesmo comunicado, Saba Lorenzo di que o mantemento da depuradora é “responsabilidade” do concello, “aínda que o alcalde diga que non”. A voceira explica que durante o primeiro ano, despois de construír a depuradora, a Xunta de Galicia ocúpase do seu funcionamento pasando a mans do concello unha vez remate este prazo. “E é o concello o que elixe a forma de facelo, xa ben sexa a través dos operarios municipais ou dunha empresa subcontradada”.

Saba Lorenzo lembra que no pleno ordinario do 31 de agosto e no pleno ordinario do 26 de outubro preguntóuselle á corporación municipal, concretamente ao concelleiro de Medio Ambiente, Tomás da Silva Carbalho, “que non foi quen de contestar por si mesmo”, polo estado e mantemento da depuradora da Cañiza e polos verquidos nos ríos.

Por outra banda, e según consta na acta, o alcalde Cesar Mera respondeu e apuntou que a concesión do mantemento da depuradora estaba adxudicada á empresa privada Aquagest, “asegurando que asinaron un contrato con dita empresa para realizar análises nos ríos e regatos como medida de detección de verquidos ilegais”. Tal contrato “non existe” polo menos na páxina web de dita empresa, na que a mesma fai unha exposición dos concellos nos que ten concesións.

Outra cuestión son as previsións de futuro en relación coa depuradora. A resposta pública do alcalde ante esta denuncia “non é outra máis que botar balóns fora e evadir a súa responsabilidade por lei. A conciencia medioambiental do actual rexedor está máis que demostrada pola permisividade absoluta ante os verquidos e pola xordeira ante as reiteradas queixas dos veciños”, critica a voceira.

Saba Lorenzo garante que con dar un paseo polos arredores da depuradora “pódese ver o estado de abandono, os reactores biolóxicos sen fango, os lodos amontoados nunha esquina, verquidos de lixo e escombros nas cunetas, regatos con espuma e mal cheiro, a presa da minicentral contaminada...”.

Comentarios

Non hai Comentarios »

Deixar un Comentario


<a href> <em> <blockquote> <strong> <cite> <code> <ul> <li> <dl> <dt> <dd>

Contactar co autor | Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis